XA QUE CHORANDO NACÍN

terça-feira, 6 de fevereiro de 2007

Crónicas Marcianas de Ray Bradbury

Ler é unha aventura na que viaxas a outro mundo... á Terra media, a Grecia, a Oriente medio ou na rúa ao virar a esquina ou simplemente á volta do espello... a París no século XVIII, á Inglaterra da Idade Media, 10.000 anos no pasado, 20.000 leguas de viaxe submarina ou a Marte. Eu que teño andeis e andeis de libros favoritos... como elixir un... Por número de páxinas? Por número de palabras? Non o sei, pero sempre que penso nun libro de entre todos, como nas listas de Mercedes, vénme á cabeza este libro, Crónicas Marcianas... É un libro e é moitos (1). Pódelo ler dunha vez, e estarás a ler unha crónica da conquista de Marte pola humanidade, e poderalo ler como un libro de contos, contos que unhas veces son completamente independentes e contos, que no seu maior parte, son contos entrelazados.

En especial, o conto "Usher 2", non só pola clara referencia ao marabilloso mundo paranoico e pantanoso de Poe... se non tamén por feitos acaecidos no outro dos meus libros de cabeceira: "Fahrenheit 451"

Se o les como contos, non só é un libro sobre a conquista de marte, é un libro completamente atemporal. É dicir, que deixa de ser ciencia ficción e atopámonos con algo máis. Como falar do fondo que está a caer a humanidade e non aburrir? Como falar do desastre ecolóxico sen ser pedante? Como falar do racismo, sen escribir un libro sobre o racismo? A cultura, a soidade, a sociedade humana... de Deus... da vida?

Crónicas Marcianas fala de nós e deles, fala de nós e de como destruímonos, fala de nós e da vida...

A señora K seguía sentada coma se o soño golpeoulle a cara.
-Estraño, moi estraño -murmurou-. O soño.
-Ah. -Evidentemente, o señor K quería volver ao seu libro.
-Soñei cun home.
-Cun home?
-Un home alto, dun metro oitenta.
-Que absurdo. Un xigante, un xigante deforme.

-Con todo... -replicou a señora K buscando as palabras-, parecía normal. A pesar da altura. E tiña... oh, xa sei que che parecerá unha bobada, pero... tiña os ollos azuis!
-Ollos azuis? Deuses! -exclamou o señor K-. Que soñarás a próxima vez? Supoño que os cabelos eran negros."

Imaxinación, imaxinación, como seremos aos ollos dos marcianos? Seremos seica tan distintos? Sempre tratei de imaxinar como será un ser vivo que é inimaxinable do pouco que se parece a nós.

Crónicas Marcianas fala de outras culturas... imaxínense unha civilización na que o importante sexa o belo, o fráxil? Non fala iso tamén de nós? ".

Lembro unha película... "A selva esmeralda
As escavadoras occidentais esnaquizando a selva amazónica para construír unha gran presa e unha cultura milenaria tentando non ser soterrada no proceso... non é que sexa imposible é que xa perderon e non o saben. Recuperan ás súas mulleres pero é unha batalla perdida.

Neste libro as escavadoras proveñen da terceira bóla de barro dende o sol. Esnaquizan elegantes casas marcianas, enchen as fermosas canles de lixo e arrasan poboados e poboados marcianos deixando sitio para barracóns de conquistadores barrigudos comedores de salchichas e torta con café augado.

Hai diferenza entre as chairas de Kansas poboadas de nativos americanos e as chairas marcianas? Choras en crónicas cando ves aos membros da cuarta expedición esnaquizar a tiros "os cristais das xanelas e voando as puntas das fráxiles torres". A cocacola chega a Marte... Este é un libro de 1946 e fala da globalización!

Xulio Verne encarnado nun señor americano con barba e pretensións de autor dramático. Máis temas, máis temas: e da ecoloxía. Marte é un reflexo de como tratamos o noso propio planeta, o mesmo que nos permite ter un sitio onde apoiar os nosos pés e non perdernos neste universo que non é infinito pero á beira da insignificancia que somos, se que o é.

E que me dicides do perigo de que nos exterminemos a nós mesmos? Que nos leva a ser tan autodestructivos? Eu non o sei e o non creo que o soubese Sr. Bradbury pero non é certo? E da tecnoloxía ("Virán choivas suaves"). Que ridícula é sen nós, non? Chegará algún día no que exista por se mesma?

É un libro de Ciencia ficción e como tal mira ao futuro. Por que igual que é humano ser como somos, un desastre, egoístas, pendóns... tamén é humano ser como somos cando somos honestos, amables, e racionais, cando somos máis humanos que seres, cando aparece a esperanza como Un pícnic dun millón de anos. É unha constante na literatura do Sr. Bradbury, a redención pola destrución e un novo comezo:

"Chegaron á canle. Era longa e recta e fresca, e reflectía a noite.
-Sempre quixen ver un marciano -dixo Michael-. Onde están, papá? Prometíchesmo.
-Aí están -dixo papá, sentando a Michael no ombreiro e sinalando as augas da canle.
Os marciáns estaban alí. Timothy estremeceuse...
Os marciáns estaban alí, na canle, reflectidos na auga: Timothy e Michael e Robert e papá e mamá.
Os marciáns devolvéronlles unha longa, longa mirada silenciosa dende a auga ondulada...
"


Por certo, como anécdota, e a quen lle interese, existe unha serie de televisión baseada en Crónicas Marcianas, tres capítulos, de 1980, con Rock Hudson. O certo é que eu me interesei sendo moi pequeniño por este libro por culpa desta serie. Puxérana na dúas a principios dos 80... e ver a aqueles marcianos sen nariz, calvos de ollos rasgados entrábame un medo... pero espertou o meu interese...


(1)Parece ser que cada capítulo foi escrito por separado para ser unido ao final nun mesmo libro. O mellor de todo é que RB non se considerou ser escritor de SciFi...

Um comentário: