XA QUE CHORANDO NACÍN

quarta-feira, 30 de julho de 2014

Nausicaä do Val do Vento

É Hayao Miyazaki un dos meus autores de anime favoritos. Sempre atrápame cas súas películas que deixan na miña alma algún tipo de pegada. “O Castelo ambulante”, “La princesa Mononoke”, “A viaxe de Chihiro” ou “Haru no reino dos gatos” son filmes que dun xeito ou doutro emocionáronme. É para min Miyazaki un gran produtor e director de cine animado.

Pero o certo é que tamén é un gran debuxante que no seu momento creou un cómic tan extenso e tan sorprendente como “Akira”: trátase dun manga que en España editouse recentemente en 6 volumes dunhas 170 páxinas cada un e que se chama “Nausicaá do Val do Vento”. Miyazaki tardou doce anos en escribilo así que xa podedes imaxinar a densidade narrativa deste manga.

Fala dunha rapaza chamada Nausicaá que é a filla do señor dun pequeno reino chamado “Val do Vento” e a amazona do vento dese reino. Dous mil anos no futuro, nun tempo no que a terra está asolada por unha guerra acontecida mil anos atrás, os “Sete Días de Lume”, que destruíu a excesivamente industrializada civilización humana e que provocou a contaminación a grande escala da terra e do mar. Unha xungla tóxica de plantas xigantescas que producen esporas e fungos (posiblemente aliméntanse de radioactividade) cubre gran parte da Terra e pouco a pouco vai engulindo a parte que aínda está libre. Estas plantas e os fungos son totalmente tóxicos para a humanidade que aínda sobrevive e a inhalación das esporas ou do gas que enche o aire na Zona Contaminada produce inevitablemente a morte. Por outro lado os mares volvéronse totalmente corrosivos.

Os insectos son practicamente os seres vivos dominantes da terra. Teñen un tamaño descomunal, viven na Zona Contaminada e en particular destacan dous tipos. Os Ohmu que son xigantescos e similares, en certo punto a trilobites do tamaño dunha casa, e os insectos dragón, unha especie voadora de forma alargada con grandes mandíbulas e un estolón ó final do corpo.

Perdida neste aparente caos a humanidade loita por sobrevivir pelexando uns cos outros polos recursos naturais que cada vez son menores e repetindo, no canto de aprender, os erros do pasado, mentres a vexetación avanza facendo inhabitable cada vez máis terra.

Nausicaá é a inevitable heroína do manga. Montada nunha especie de ala delta futurista e autopropulsada, afánase nos seis números para deter as correntes de destrución que os seres humanos están poñendo en marcha ca súa imparable avaricia. As nacións dese mundo do futuro están en guerra. O Emperador de Tormekia está a atacar ó Reino de Durku e necesita ós tranquilos aliados do Val do Vento para o seu exército. Durku deféndese usando os segredos tecnolóxicos agochados nunca cripta dos tempos anteriores ós Sete Días de Lume. No medio está o pequeno reino de Pejite que quere que se lle recoñeza o seu sitio entre os outros dous grandes porque atopou soterrado a un dos deuses guerreiros practicamente intacto, os robots xigantes que destruíron á civilización anterior … e como non Nausicaá que trata de loitar ca tolemia conxunta dos humanos, de protexer a uns e a outros, de comprender a natureza da Zona Contaminada para conseguir parar o seu avance, de axudar ós seus amigos e á súa terra… e que descobre moitos segredos sobre esa ecoloxía futura e sobre ela mesma.

Todas estas circunstancias parecen levar á desaparición da humanidade enteira baixo a Zona Contaminada.

“Nausicaá do val do vento” é un manga ecolóxico e pacifista, no que o autor non dubida en mostrar toda a dureza da guerra, da destrución da terra, en contar como as accións de uns inflúen en outros, en como a ecoloxía gobérnao todo… Miyazaki deseña unha realidade completa nos seus aspectos ecolóxicos e sociais cun debuxo rico en detalles que non deixa de sorprender pola súa complexidade e estética que levan ó lector a un mundo completamente diferente ó noso: a vexetación da Zona Contaminada, as aeronaves, a tecnoloxía ou os costumes son tan diferentes ós nosos que inevitablemente traspórtanos a outro tempo axudándolle ó lector a meterse aínda máis na historia. Na lectura non hai tempo para o descanso: as partes explicativas, dan rapidamente paso á pelexas e batallas espectaculares e terroríficas.

Neste manga, Miyazaki fala dos que son temas recorrentes no cómic xaponés e na ciencia ficción,futuros apocalípticos ca terra devastada e os homes loitando desesperadamente pola supervivencia, pero é quen de engadir a súa propia pegada: sempre hai esperanza. Está claro que a Miyazaki gústalle certa tecnoloxía pero esa que non impide disfrutar da natureza. Leo en wikipedia que Miyazaki considérase ecoloxista, pacifista e feminista.

Nenhum comentário:

Postar um comentário