XA QUE CHORANDO NACÍN

Como mola o San Xoán!!

Esta foto foi tirada unha mañá de San Xoan (bueno, máis ben era o mediodía) dende o balcón dunha casa na que vivín fai uns anos.

Esa é a praza que quedaba xusto diante da casa. Á esquerda apréciase a Ría de Arousa.

O que está no medio da praza é unha fonte e na fonte pódense ver, entre outras cousas, varias macetas con prantas, unha escaleira de man e tapacubos de coche.

O certo é que ese non era o sitio natural de todas esas cousas. O sitio natural era o pequeno xardinciño que había diante da miña casa.

Diredes, e por qué, dende o xardinciño que había diante da túa casa foron a parar á fonte que había na praza de diante da túa casa?

Vou explicar o que sucedeu pero para eso deberedes primeiro pasar á seguinte foto onde se aprecia con maior detalle o asunto.

Nesta segunda foto pódese apreciar con maior detalle a disposición das macetas cas prantas, o delicado equilibrio da escaleira de man entre o borde da fonte e a parte maís alta do medio (iso ten que ter un nome), e como non, o estupendo orde no que foron dispostos os tapacubos.

Como xa dixen antes esa foto foi tirada no día de San Xoán, e claro, non podía ser doutro xeito: a noite anterior saira eu de festa cos amigos. Fóramos ó San Xoán de Panxón, alá por debaixo de Vigo. Menuda festa que montáramos. Eu acabei nos autos de choque pasándoo como un enano cuns amigos. De beber pouco que un xa non está para iso pero pasalo o pasamos moi ben. Logo durmimos na casa de Carlos en Camelias (rúa de Vigo, claro), e fixemos un xantar deses que parecen unha comida antes de ir a durmir un rato (o xantar fíxose de día, como non) no que Carlos cociñaba e Santi e Juan roubábanlle as latas de atún antes de que as poidese usar. Pero iso xa é outra historia.

O certo é que cheguei a casa, moito máis tarde e atopeime ca fonte toda chea de trastos. Non lle din importancia porque alí, nese barrio de Vilagarcía chamado Guillán, algúns viciños tiñan o costume de limpar cousas na fonte e logo deixalas secar alí mesmo.

A coña foi que entrando pola miña porta decateime de que o xardín estaba... como dicilo, semellaba baleiro... e entón sumei dous máis dous, dinme a volta e comprendín que as cousas da fonte eran do meu xardín.

Bueno, xa sabedes o que ven agora: se queredes remata-la historia... mirade a seguinte e última foto.

No lado da esquerda da foto mírase Vilagarcía. Esta foto é para que vexades o peaso vista que tiña eu dende aquela casa.

Como estaba a dicir, cheguei a casa e atopei as cousas do xardín na fonte. Por qué? Bueno... patas non votaran, iso seguro, así que alguén as levara ata alí. E non as levaron por limparme aquel desastre de xardín. Non.

O motivo era outro. O motivo estaba agochado nunha das máis terribles tradicións da noite de San Xoán. Nunha tradición que fai que as cousas de forma misteriosa muden de sitio na noite de San Xoán... bueno, menos historias raras. O certo é que eu xa coñecía dende fai anos esa divertida tradición, pero claro, rapaz de ciudad como era eu, nunca a vivira.

Contáranme uns amigos uns anos atrás que na súa aldea na noite de San Xoán era tradicion saca-las cancelas de sitio e lavalas a outro. É dicir que lle collían as cancelas a un viciño e llas poñían, póñase por caso, na fonte da aldea. Xa o ides collendo.

Na Illa da Arousa, que son os máis en todo, ata teñen sacado unha dorna do mar e deixala no medio da plaza do Regueiro. E ata teño escoitado de viciños de algún sitio que na noite de San Xoán fixeron garda con escopetas e todo...

Pois nada, ahí está o terrible segredo. Os mozos de Guillán fixéronme a min, pobre urbanita a broma. E fíxome gracia, tanta, que para rir eu tamén un pouco e non pasalo ridículo de colle-las cousas diante de todo o mundo, deixeinas alí unha semá e media.

Nenhum comentário:

Postar um comentário